Saturday 11 de May de 2024

O alumnado da ESMU Magariños celebrará o XIII Festival de Primavera: cinco concertos gratuítos e diferenciados ata o vindeiro venres


A Escola Municipal de Música (ESMU) Magariños de Brión celebrará durante esta semana o XIII Festival de Primavera, que nesta ocasión inclúe cinco concertos abertos a toda a veciñanza e que terán lugar todas as tardes entre hoxe 29 de maio e ata o venres 2 de xuño. A entrada é totalmente libre e de balde.

O director da ESMU Magariños, Carlos Pintor, explica que o festival “naceu como continuación do Concerto de Fin de Curso, un dos eventos musicais con máis arraigo na nosa escola dende a súa creación e posta en funcionamento”. Todos os concertos terán lugar no auditorio do centro social polivalente de Brión, con excepción do terceiro concerto (mércores 31 de maio), que terá lugar na sala municipal de exposición.

O programa abrirase hoxe mesmo, ás 17:30 horas, cun concerto do alumnado máis novo da escola, os pequenos de Música e movemento. Para mañá martes 30 de maio, ás 19:00 horas, está previsto un concerto a cargo do alumnado de piano, guitarra e canto. O mércores 31, ás 20:00 horas, terá lugar o único concerto fóra do polivalente, a cargo do alumnado de vento-metal, saxofón, percusión, clarinete e gaita.

O xoves 1 de xuño, ás 20:00 horas, será a quenda das agrupacións instrumentais e corais da ESMU Magariños; mentres que o venres 2 de xuño, ás 20.30 horas, a Banda de Música Magariños (integrada por alumnos e alumnas de todas as idades) será a encargada de pechar o XIII Festival de Primavera da ESMU Magariños de Brión.